Concerto de presentación de Creativos Cero

2011-11-03

Cando me pediron que fixera a crónica deste concerto sabía que ía ser complicado, mais nunca pensei que ía ser tan arriscado. Con este concerto de presentación dos Creativos Cero o punk volveu ó salón-comedor das nosas casas, de onde nunca tivo que ter marchado; concretamente o salón-comedor do Lebensraum Pavillion, e para prepararme para o que ía presenciar comín uns cogomelos do riso e fíxenme acompañar dunha litrona con aditivos. Agora si que estaba listo para disfrutar do espectáculo.

Ó chegar o panoráma non podía ser máis dantesco, o público, as fans e o grupo misturábanse nunha masa informe de corpos, fume e intercambio de substancias. O único que ficaba separado desta filial de Sodoma e Gomorra era o cantante e multi-instrumentista The Two Halfs. Sentei non sei onde, do lado de non sei quen e The Two Halfs amosou os seus novos temas e o seu novo look, sentado (xa non se tiña en pé) e desta volta acompañado dunha caixa de ritmos. Tres temas curtos e rápidos, resumo do espírito da noite.

E sen máis dilación chegou o que todo estabamos agardando, o que nos levara a aquel niño de auto-destrucción. Matitas Auch “O Neno Mexilón” a peito descuberto na guitarra, “Blind” Snob Megalove (o noutra neno prodixio) nas baquetas (o tambor tapado cunha toalla) e na voz, agarrando con forza o micro, Alex Koplobitch, vestida de enfermeira protagonista dos soños máis húmidos da concurrencia.
Cantaron apenas oito cancións antes de caer desfalecidos enriba do público VIP sentado nun sofá, mais antes diso agasallaron os nosos psicotrópicos oidos con ruido e letras contundentes como unha puñada de John Cena.

As letras de Creativos Cero son fillas do seu tempo e repasan coa maior incorrección política posíbel tódo-los temas de actualidade dende Eduardo Zaplana a Madeleine McCann, pasando po-los culturetas de Meden e os modernos do FIB. Non queda monicreque con cabeza.

A primeira vez sempre doe un pouco, mais Creativos Cero botaron peito e dérono todo. Nos seu berros podemos atopar ducias de referencias a grupos chave da historia do punk e do rock e abofé que actitude non lles falta.

Creativos Cero están aquí para quedarse moito tempo e para facer tambalear os alicerces da sociedade ben-pensante.

O final do concerto recórdoo entre brétemas e do resto da noite non gardo ningún recordo. Só sei que espertei nunha cama descoñecida entre pinchos e cadeas do lado dunha fan de Bershka e que andiben dous días coma John Wayne.

No more gonzo journalism, please! (pero o próximo concerto de Creativos Cero non o perdo)

O concerto tivo lugar o 15 de decembro de 2007 e a crítica saiu publicada no desaparecido magazine musical on-line Sono-tone en xaneiro de 2008.

Imagens by-nc-sa de ifrit.

Categories : Música  Música  Sono-tone