Un profeta

2011-11-03


Un profeta (2009)
Estrea: 26 de febreiro de 2010

Título orixinal: Un prophète
Director: Jacques Audiard
Intérpretes: Tahar Rahim (Malik), Niels Arestrup (César Luciani), Adel Bencherif (Ryad), Reda Kateb (Jordi), Hichem Yacoubi (Reyeb), Jean-Philippe Ricci, Gilles Cohen, Antoine Basler, Leïla Bekhti, Pierre Leccia, Foued Nassah e Jean-Emmanuel Pagni.
País: Francia
Ano: 2009
Duración: 150 minutos
Xénero: Drama.

Tal como están os prezos dos cines hai que mirar moi e moito o que imos ver. Por iso cada mes vou recomendar aquí, na Soeira das estrelas, un filme dos que, polo xeral, non teñen grandes promocións e, na miña humilde opinión, non deberíades perder.

Comezamos cun título que puidemos ver no festival de Cineuropa 2009 e que tivo bastante boa acollida entre o público. ‘Un profeta’ é unha historia cun amplo trasfondo social, contada con grande soltura e cunhas pingas de fantasía. Os ingredientes perfectos para gustar no festival.

A historia ademáis ten todos os vimbios dun bo filme carcerario. Malik é un mozo descarriado que é condenado a seis anos de cadea non sabemos moi ben porqué. O cárcere está “gobernado” pola mafia corsa, que controla a algúns gardas e as actividades do cárcere. E do outro lado “os barbudos”, os musulmáns, sempre rezando, sempre tranquilos. Nun primeiro momento Malik mantense neutral, a pesar da súa ascendencia norte africana, inda que pronto aprenderá que non se pode ser neutral. Fóra vai ter lugar un importante xuízo contra a mafia corsa e o capo do cárcere pídelle a Malik que asasine ó seu compañeiro de cela, a principal testemuña. Ninguén sospeitará del.

A partir de aquí a súa vida na cadea cambiará e empezará a traballar para os corsos (limpando, cociñando, de mensaxeiro…) E co paso dos anos, cando consegue os primeiros permisos, tamén fará traballos fóra. Mais Malik nunca traballa para ninguén, só traballa para el mismo, e por iso non tardará en empezar a traballar tamén para os musulmáns, que co tempo van gañando poder no cárcere.

‘Un profeta’ ten un guión moi ben estructurado, unha historia que non nos deixa despegarnos da pantalla, unhas actuacións de luxo. E a todo iso hai que sumarlle que non dulcifica o que é un cárcere, non aforra en amosarnos a violencia, as malleiras, as ameazas; todo nun ambiente máis que gris.

Mención aparte merece o actor Tahar Rahim, un actor novel que defende coma un veterano o papel de Malik, un mozo perdido pero seguro de si mesmo e que irá endurecendo co tempo sen perder o corazón.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado no suplemento cultural A soeira das estrelas do xornal En momemento, editado polo Movemento polos dereitos civís, en febreiro de 2010