Soul Kitchen

2012-01-19


Soul Kitchen (2009)
Estrea: 31 de marzo de 2010

Título orixinal: Soul Kitchen
Director: Fatih Akin
Intérpretes: Adam Bousdoukos, Moritz Bleibtreu, Birol Ünel, Anna Bederke
País: Alemaña
Duración: 99 minutos
Xénero: comedia

Nin moito menos vai ser unha constante, mais este mes tamén traio aqui un filme que se puido ver no festival compostelán Cineuropa e que, dentro da Sección oficial, tivo moi boa acollida entre o público. De feito o realizador alemán de orixe turca Fatih Akin é un asiduo deste festival e doutros nos que gusta ver a realidade dende outros puntos de vista. No festival italiano de Venecia recibiu dous premios: o especial do xurado e o Premio de cinema novo, ademáis de optar ó León de ouro.

Desta volta Akin volve ós seus temas de sempre (a inmigración, a música, as relacións humanas, o amor, a busca da propia identidade) pero dende un prisma case descoñecido nel como é a comedia lixeira. Os seus dous filmes de máis sona son Contra la pared (Gegen die Wand, 2004), e Al otro lado (Auf der anderen Seite, 2007), dous dramas de fondo contido social. Inda que tamén ten outros como Cruzando el puente: Los sonidos de Estambul (Crossing the Bridge: The Sound of Istambul, 2005) un documental musical onde xunta dous dos seus grandes temas: a música e Turquía.

O protagonista de Soul Kitchen é Zinos, un mozo alemá de orixe grega, que rexenta un ruinoso restaurante nun vello almacén do barrio Willhelmsburg de Hamburgo, e inda que a comida non é moi alá ten certo éxito entre os veciños da zona polo seu particular ambiente (especialmente a música). Mais a vida de Zinos está chea de atrancos e de situacións máis ou menos cómicas (sempre depende dende o punto de vista que miremos, a el fixo que non lle fan moita gracia). E así se van sucedendo os acontecementos sin que o bo de Zinos poda facer nada. A súa moza marcha a China a traballar de correspondente dun xornal. Debería visitala ou ir vivir con ela? Coñece a Shayn Weiss, un cociñeiro de luxo, que dará un xiro radical á cociña do establecemento, facendo que sexa rexeitado pola xente do barrio inda que admirado polos alumnos dunha escola de baile e pronto será o local de moda da cidade. Será quen de manter o espírito do local? Os cambios na súa vida non deixan de sucederse e namora de Lucia, a nova camareira. É imposíbel manter unha relación a distancia? Inda que co recén chegado éxito os problemas co fisco e cos especuladores locais semella que amainaron Zinos non deixa de darlle voltas á idea de vendelo todo e ir a China na procura de Shayn. Com este panorama calquera cousa pode pasar.

O filme é unha comedia ó uso e segue todos os esquemas e gags básicos do xénero. Acompañado por unha poboada colección de secundarios (o irmá de Zinos e os seus amigos, os clientes do bar, os músicos, a inspectora de Facenda, o inspector de Sanidade, o construtor…) o errático camiño de Zinos cara non se sabe moi bem onde amósanos, a través da comedia, varios puntos da realidade (a inmigración, a integración, a especulación urbanística…)

Pode que Soul Kitchen non teña a profundidade das súas outras propostas cinematográficas, máis algunhas cousas son claras: com esta proposta pode chegar a moita máis xente sen traizoar os seus presupostos temáticos e dando de novo espazos para a reflexión. Pero sen dúbida o máis sobresainte do filme é que nos permite soltar amplas gargalladas e sair da sala com bo corpo.

Xa me diredes o que vos pareceu.

Vémonos nas butacas!

ifrit
http://cinemafriki.blogaliza.org

OUTRAS ESTREAS DE MARZO:
5 de marzo:
Los hombres que miraban fijamente a las cabras: Unha hilarante historia sobre as investigacións militares dos poderes paranormais. Baseada en feitos reais.
12 de marzo:
El retrato de Dorian Gray: Nova versión da novela de Oscar Wilde sobre a obsesión da eterna xuventude. Podía facerse moito mellor.
Desde París com amor: Unha de atentados terroristas e carreiras contrareloxo com John Travolta
19 de marzo:
Green Zone. Distrito protegido: Thriller bélico no que un grupo de soldados terá como misión buscar as armas de destrucción masiva iraquís e o que atoparán será un plan que representa unha ameaza inda maior.
Ciudad de vida y muerte: Cinema bélico chinés sobre a invasión xaponesa de principios do século XX. Cuncha de Ouro no festival basco de Donosti 2009.
26 de marzo:
El libro de Eli: Nun futuro post-apocalíptico Denzel Washington deberá protexer o libro que traerá a a salvación á humanidade.
Furia de titanes: Remake do clásico dos 80 cheo de espectaculares monstros e loitas épicas.
Scar: Terror con asasino en serie en 3D. Semella que a peli é tan boa que andan a voltas cas datas (ou era ó revés?)

Artigo publicado no suplemento cultural A soeira das estrelas do xornal En momemento, editado polo Movemento polos dereitos civís, en febreiro de 2010

[A recomendação foi feita sem ter visto o filme e pode conter algum que outro erro]