‘The Last Exorcism’, unha volta de porca para remexer os nosos medos

2012-03-04


Poderíamos dicir que despois de The Exorcist (1973, William Friedkin) non se deberían facer máis filmes sobre exorcismos, que xa está todo dito e que é perder o tempo. Pero así é o cinema de xénero, sempre dando voltas sobre os mesmos temas e intentando atopar novas formas de contar o mesmo, novos puntos de vista ou novos detalles; unha e outra vez, remexendo nos nosos medos e na nova mitoloxía do terror.

E aquí é onde se enmarca The Last Exorcism (2010, Daniel Stamm) onde Patrick Fabian (premio ó Mellor actor no 43 Festival Internacional de Cinema Fantástic de Catalunya) interpreta a un exorcista descreido que realiza un documental no que conta como todo o que fai é falso. Para iso acepta o seu derradeiro traballo no que utilizará os seus trucos de sempre. Pero… claro, non podía sair todo ben, senon non habería filme.

A fita está gravada en forma de falso documental e con cámara no ombreiro, inda que estes principios traizóanse nalgúns momentos com recursos e montaxe máis propios dun filme convencional.

A pesar de estar diante dun tema sobradamente coñecido e de que parece que en todo momento sabemos o que vai pasar, o formato no que se conta e o bo facer dos autores fan que non deixemos de perder detalle durante todo o metraxe (inda que máis de un tapou os ollos nalgunha escena).

Unha nova volta de porca ó mundo dos exorcismos que xunta os ingredientes clásicos cun novo enfoque. Sangue, pescozos retortos, relixión, escepticismo e cámara no ombreiro.

Desta volta o filme tampouco é recomendable para estómagos delicados. Nótase a man do produtor e director Eli Roth (Cabin Fever e Hostel I e II).

Alguén a viu? Que vos pareceu? Aí tedes os comentarios.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en Galiciaé o 12 de novembro de 2010.

Categories : Cinema  Cinema  Galiciaé
Tags :