‘Mammoth’, unha historia de infernos persoais con escasa empatía

2012-03-05


A opinión que poidamos ter dun filme depende de moitas cousas, e a cada cal máis obxectiva, dende o nosto gusto persoal ata o estado de ánimo dese día e hora en concreto. Unha destas variábeis das que depende a nosa opinión é a empatía cos personaxes da historia, a cercanía ou lonxanía das súas vidas, a posibilidade de meternos na súa pel. E precisamente isto foi o que falla para min neste filme.

Mammoth conta a historia dunha parella nova cunha filla. El, Gael García Bernal, é o programador dunha rede social de videoxogos de grande éxito, polo que pasa amplas tempadas fóra da casa realizando acordos comerciais. Ela, Michelle Williams, é cirurxá nun hospital e case sempre ten quenda de noite, polo que lle é difícil pasar tempo ca súa familia. Por todo isto a nena pasa a maioría do tempo ca súa coidadora filipina, que á súa vez ten dous fillos en Filipinas aos que fai tempo que non ve.

Tres historias cruzadas con tres personaxes que enfrontan a súa desesperación á súa maneira. Ela sufre de insomnio e é incapaz de atraer a atención da súa filla. El, de viaxe en Tailandia, comeza un romance cunha prostituta recordando un mundo de liberdade e sen ataduras no que soía vivir. E a coidadora sufre en silencio a ausencia dos seus fillos e de non podelos axudar máis que mandando diñeiro para construir unha casa nova.

O filme está ben levado, cunhas personaxes ben construidas e unha fotografía de gran calidade, mais… Mais a min as historias da parella non me chegaron, éranme alleas por completo. A única que me fixo ficar algo interessado no filme foi a historia da inmigrante filipina.

Mammoth (2009, Lukas Moodyson), candidata ao Óso de ouro do Festival de Berlín 2009, é unha historia sobre como detrás da perfección e a aparente felicidade agóchanse pequenos infernos persoais de desesperación vital.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en Galiciaé o 22 de novembro de 2010.

Categories : Cinema  Cinema  Galiciaé
Tags :