O termo ‘humor negro’ queda curto para ‘Life During Wartime’

2012-03-05


Na recomendación do outro dicía que Todd Solondz era coñecido (e recoñecíbel) pola súa mistura de drama e humor negro. Mais despois de ver Life During Wartime (2009), e tendo presentes os seus anteriores traballos, coido que o termo ‘humor negro’ quédase curto para este profesional do politicamente incorrecto.

Life During Wartime é unha especie de segunda parte de Happiness (1998), mais con outros actores e actrices. Neste novo filme vemos como Joy casou co ex-mozo da súa irmá Helen, un ex-presidiario, ex-drogadicto e adicto a facer chamadas telefónicas obscenas. Pero non están pasando unha boa época e deciden deixalo durante un tempo. Tempo que ela aproveitará para visitar ás súas irmás mentres é perseguida pola pantasma dun compañeiro de traballo que se suicidou e co que tivo unha cita. Primeiro visita a Trish que, co seu home no cárcere por pederastia, busca de novo o amor, desta vez nun home normal, inda que cun fillo un tanto especial. Os fillos de Trish tamén son para dar de comer a parte: Billy está agora na universidade, Timmy, obsesionado co seu inminente bar mitzvah e coa recente revelación de que o seu pai non está morto e é un pederasta, e a pequena Chloe, permanentemente deprimida. Despois decide visitar a Helen, instalada por completo no star-system de Hollywood e apartada da familia polas súas opinións.

Se houbera que pór unha etiqueta a este filme sería a de comedia de enredos de humor negro, inda que xa dixen antes que Solondz móvese unha cuarta por riba desa definición. O director estadounidense volve a aplicarse a fondo para sorprendernos a nós mismos ríndonos de situacións e historias das que non nos reiríamos nin faríamos bromas noutra situación (nin sequera noutros filmes).

Pode que non sexa o mellor Solondz, pero mantense ao nivel agardado, Tamén é verdade que os seareiros do director esperaban algo máis que unha correcta segunda parte despois de agardar case seis anos por un novo filme.

Aquí foi estreada en cines comerciais o pasado 30 de xullo co título La vida en tiempos de guerra, así que dentro de pouco poderédela atopar no voso videoclube de confianza ou mercar o DVD.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en Galiciaé o 18 de novembro de 2010.

Categories : Cinema  Cinema  Galiciaé
Tags :