Longa vida á Magnifique Band dos Homes Sen Medo!

2012-09-03

É difícil dicir o que é cool. A definición vai cambiando coa moda. Para algúns é difícil ser cool e para outros todo o contrario, non podem deixar de selo nin querendo. Este é o caso da Magnifique Band dos Homes Sen Medo, que inda que vaian vestidos com camisas horteras e semellen unha charanga unha vez fan soar os seus ventos e os seus ritmos todo ó seu redor énchese de coolness, festa e baile.

O pasado 14 de agosto, a Magnifique Band dos Homes Sen Medo celebraron os seus “cinco primeiros anos de supervivencia”. E que mellor forma de facelo que cun concerto íntimo arrodeado de amigos e siareiros, com cea e tarta. A cita tivo lugar no Restaurante Rúa (Rúa San Pedro, 23, Santiago de Compostela), local no que todas as semanas hai actividades (concertos, foliadas, charlas…) ademáis de contar cunha particular oferta gastronómica; e alí estiveron acompañados dun pequeno pero selecto público.

Ataviados coas súas rechamantes camisas, gorros de festa e os seus instrumentos, megáfono en man deron paso a un recital de ska, blues, son big band, afro beat, jazz nos seus máis variados estilos… paseando por Nova Orleans, o Mardi Gras, Xamaica, os Balcáns, Galiza, por suposto… Todo acompañado das súas afamadas coreografías, traballadas letras e dunha forza e enerxía arrebatadoras. Tamén aproveitaron para presentar o seu disco homónimo e sustentábel (libre de plástico) e que se podía adquirir alí mesmo polo prezo que cada un decidise.

Bailando cos pratos na man mentras enchíamos o papo a festa non parou en ningún momento. Temas propios e versións de versións de versións de versións (non podían faltar os Skatalites) ata unha versión de Os Resentidos. Inda que o grupo pode que non vos soe fixo que si a cara dos seus integrantes, pois son habituais dos festivais com outros proxectos ademáis de participar como artistas invitados doutros músicos. Recén chegados dunha mini-xira por Italia e Francia, cónstame que no mesmo concerto xa houbo contactos para ir facer algo por Alemaña o ano que vén.

A Magnifique Band dos Homes sen Medo son: Alejandro Salgueiro (bombo), Miguel Paz (caixa e percusións), Abel Leonardo (guitarra eléctrica), Óscar “Bochú” Barcala (tuba), Justo Alcalde (fagot), Manuel Espiño (trombón), Martiño Domínguez (saxo tenor), Olivier Cano (saxo alto) e Manuel Paino (trompeta).

Longa vida á Magnifique Band dos Homes Sen Medo e esperemos que o décimo aniversario o celebren na Praza da Quintana. Sen medo!




Fotos de Leo Rei by-nc-sa

Categories : Música