Fantasporto día 4: Os filmes españois triunfan no Porto

2011-11-03

Dende a República Checa chéganos o primeiro bluff do Festival. Hierro e Rec 2 enchen o auditorio e lévanse sendas salvas de aplausos.

T.M.A. (Juraj Herz, República Checa, 2009)

Juraj Herz é un vello coñecido do Fantasporto e os seus filmes están presentes na programación case dende o primeiro ano (Beauty and The Beast, 1979 ou Ferat Vampire, 1981) Pero é difícil manter sempre o nivel.

Jerz explicou o significado do misterioso título, T.M.A. Que non é outra que un malentendido co seu produtor estadounidense, pois “tma”, significa “escuridade” en chceo e non quería facer outro filme titulado “Darkness”. O filme conta a historia dun músico que decide retirarse da vida da cidade á casa do campo vivia de pequeno para pintar cadros. Pero a casa ten unha longa historia de escuros sucesos, dende a antigüedade, onde se facían sacrificios e rituais, ata a Segunda Guerra Mundial, onde a SS se estableceu para controlar a zona. Marek, o protagonista, perdeu ós seus pais nun accidente do que non recorda nada e a súa irmá está internada nun psiquíatrico polo shock sufrido. Os aldeanos amósanse reticentes a tratalo e só atopará apoios na bela carteira e no vello bibliotecario. Todos agochan máis de un segredo.

Cuns vimbios que teñen funcionado sen problema en moitas outras fitas, unha realización máis que correcta e actores e actrices decentes T.M.A. falla no guión e amósanos unha chea de historias cruzadas creando un sarillo que remata por ser ridículo e dar vergonza allea.

Gracias Juraz polo teu traballo pero a próxima vez búscate a outro que non sexa Martin Nemec (guión e música, xusto o máis frouxo do filme)

Hierro (Gabe Ibáñez, España, 2009)

Hierro conta a historia dunha mai que perde ó seu fillo nunha viaxe en ferry e despois tolea e pasa os días a buscalo pola illa de El Hierro.

Escaso argumento para 90 minutos. O filme é unha gozada visual polas salvaxes paisaxes da illa, a realización e os efectos especiais todo acompañado por unha banda sonora case épica obra de Zacarías M. de la Riva.

Bonito continente, escaso contido.

REC 2 (Paco Plaza e Jaume Balagueró, España, 2009)

Como xa fixera anteriormente La Horde o sábado pasado REC 2 esgotou os billetes e encheou o auditorio grande do Teatro Tivoli de espectadores que devecían por ver sangue e zombis.

Non vou falar de REC 2, estreada en Galiza a principios de outubro do ano pasado, xa está case todo dito. Só dicir que o público do Fantasporto disfrutou inmenso, como se tratara dunha comedia. Paco Plaza e Jaume Balagueró deulles o que gustou da primeira parte multiplicado por catro, dándolle unha volta á porca do humor e engadindo algún que outro ingrediente novo.

Tranquilos, haberá terceira parte.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en GZnación e Nova Fantasía.

Categories : Cinema  Cinema  GZnación

Fantasporto día 3: A outra cara do terror coreano

2011-11-03

Pagando os excesos. Unha historia de posesión cos característicos toques da cultura coreana. A carreira de Christian Slater, en caida libre, intenta erguer a cabeza interpretando ó vilán dun relato de Stephen King.

Cinco longametraxes, unha curta e unha conferencia de prensa. O corpo dixo basta e houbo que facer un descanso. Voluntariamente deixei de ir ver Valhalla Rising, da que non tiña moi boas críticas e despois descansei durante o pase de T.M.A (co director presente) e de Air Doll. Hai que dosificarse para poder estar a todo.

Possessed (Lee Yong-Joo, Corea, 2009)

Unha rapaza desaparece e mentras a súa irmá e un policía intentan atopala a súa nai, fanática católica, decide que o mellor é pregar para que volva. O que parece o caso dunha adolescente que fuxe da casa vaise complicando cas descubertas de feitos estraños no predio e cos estraños suicidios dos veciños.

Comedido, tranquilo e detallista, Possessed é un filme de medo puro, que enfronta as crenzas máis ancestrais cos medos máis diarios. Pouco a pouco, case sen nos enterar, imos entrando nunha historia da que xa non poderemos escapar.

Dolan’s Cadillac (Jeff Beesley, EUA e Reino Unido, 2009)

Unha muller ve como uns mafiosos matan a outra muller que intenta escapar dun transporte transfronteirizo para a prostitución. Inda que consegue fuxir na carreira perde o móbil e cando decide testificar contra eles morre por unha bomba que lle colocaron debaixo do coche. O seu home, un profesor de secundaria, e unico estadounidense que non é capaz de levar a cabo unha sanguenta vinganza cunha Dessert Eagle, fica destrozado. Pero tranquilos, que algo se lle ocorre.

Baseado nun relato de Stephen King atopamos un filme de vinganza que evita os típicos clichés do xénero e pregúntanos “Que farías ti nesta situación?” e sen ser un relato de terror non deixa de estar detrás Stephen King.

Christian Slater interpreta ó Dolan do título, un mafioso cruel e violento, que no seu Cadillac blindado adícase á trata de brancas na fronteira entre México e os EUA. Un bo intento para que nos esquenzamos de que fixo Alone in the Dark, pero moito o vai ter que seguir intentando.

Isto non para!

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en GZnación e Nova Fantasía en 2010.

Categories : Cinema  Cinema  GZnación

Fantasporto día 1. Inauguración e entrando en matéria

2011-11-03

Críticas ó centralismo lisboeta nos discursos da organización e de apoio incondicional no da Ministra de Cultura. Comezamos o festival com espada e bruxería, vingaza muda e pinku eiga indescriptíbel.

É inevitábel. A cousa ten que comezar así. Os discursos e entregas de premios teñen que ter o seu sitio neste tipo de eventos, inda que a xente estea alí para deborar cinema.

Beatriz Pacheco Pereira, directora do festival, comezou o seu discurso en inglés acompañada dos robots da sección de robótica e cinema (no hall do teatro estaba o robot máis sofisticado da actualidade, que pode decidir o que facer e amosar sentimentos) para logo dun tempo pasarse ó portugués e dar os agradecementos (entre eles á presente Sra. Ministra de Cultura Gavriela Canavilhas), facer unha dura crítica do centralismo lisboeta e a discriminación do norte, repasar o amplo programa e rematar loubando ó publico do Fantas.

Tamén pasaron polo escenario o Presidente do festival, Mário Dorminsky, a Ministra de Cultura, os organizadores da sección de robótica e cinema e máis da de efectos especiais, para acabar con Samuel Hadida e Michael J. Basset, produtor e director respectivamente do filme Solomon Kane. Basset, nunha chiscadela ó publico de alguén que disfruta do cimena, fixo unha intervención bem curta dicindo que estabamos alí para ver cinema, non para falar.

Apaguen as luces e deixen a maxia voar…

Solomon Kane (Michael J. Basset, Francia/ República Checa, 2009)

A personaxe ten todos os ingredientes dun relato de espada e bruxería e o director, que tamén é o guionista, sabe explotalos para relatar unha historia nova. A verdade que poucas cousas quedan por inventar neste xénero e Basset non o intenta, senon que aproveita os seus coñecementos e as convencións do xénero para facer un filme case redondo. Non é un filme perfecto, mais si que está bem feito e utiliza correctamente todas as ferramentas á súa man.

Solomon Kane é a historia dun nobre segundón condenado a perder a alma por un enfrontamento co Demo e que decide levar unha vida pacífica para evitar condenarse definitivamente. Pero na inglaterra do século XVII, arrasada pola peste, é difícil vivir en paz, e inda menos dende que chegou á zona un malvado feiticeiro chamado Malachi, que impón a súa lei alí por onde pasa, os fortes para o seu exército, os febles os seus escravos. Así que xa a temos montada e Kane deberá volver a coller as súas espadas, a costa da súa alma.

Loitas a espada, monstros e demos, zelotes relixiosos, malvados feiticeiros e lama, moita lama, deixarán máis que satisfeitos ós afeccionados do xénero.

Sweet Karma (Andrew Thomas Hunt, Canadá, 2009)

O filme que faría Quentin Tarantino en vez de Kill Bill se o único filme que tivera visto fora Thriller: A Cruel Picture (Bo Arne Vibenius, 1974) e o seu gusto musical estivera totalmente atrofiado.

Unha moza rusa muda ten noticia de que a súa irmá que foi traballar a Canadá foi enganada para traballar de prostituta e finalmente asasinada. Comezará entón unha salvaxe vinganza contra todos os implicados.

Un filme duro de ver, empezando polo tema da trata de brancas, seguindo pola particular maneira de rodar elexida polo director e rematando pola machacona música que acompaña gran parte da metraxe. Podemos relaxar a vista co escultural corpo da protagonista, a ex-modelo Shera Bechard.

Só recomendada para fans do cinema com grumos.

Tandem (Toshiki Sato, Xapón, 1994)

E chegamos ó pinku eiga do día, onde a palabra “bizarro” queda curta.

Dous homes coinciden nun bar de mala morte onde todo o tempo soa música clásica e, bebendo café, teñen fantasías sexuais. Despois de intercambiar tabaco un insiste en acampañar ó outro na súa moto nunha viaxe sen sentido e chea de momentos delirantes pola cidade adiante, mentres seguen dando renda solta á súa imaxinación e mantendo relacións dominantes com canta muller se lles mete no maxín.

Dicir que este é un filme porno é quedarse corto e esaxerado. Corto porque o humor delirante e as historias cruzadas non son as propias dun filme porno. E esaxerado porque o pinku eiga caracterízase, entre outras cousas, por amosar relacións sexuais sen ensinar xenitais nin vello púbico, co que o único que temos é a un par de xaponeses poñendo caras esforzadas e retorcéndose nas máis diversas posturas e a raparigas berrando e laiandose cos característicos sons orientais. Todo isto, como xa digo, intercalado com escenas de humor delirante e cunha banda sonora totalmente intrusiva e sen sentido.

Señores e señoras, isto é o pinku eiga. Están avisados. Non sei se se van excitar, pero pór caras de sorpresa e botar unhas boas risas fixo que si.

Isto está que bota fume. Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en GZnación e Nova Fantasía en 2010.

Categories : Cinema  Cinema  GZnación

30 anos de Fantasporto, 30 anos de fantasía

2011-11-03


Inda que as actividades e as proxeccións empezaron o día 23 a sesión de apertura é o día 26. Solomon Kane para abrir e The Crazies para fechar. Non entra nos plans da dirección levar o festival a Lisboa.

O Festival Internacional de Cinema do Porto, máis coñecido como Fantasporto e Fantas para os amigos, cumpre 30 anos. E para celebralo nada mellor que loitar contra a crise e disfrutar dunha nova edición do maior festival de cinema de Portugal e un dos máis importantes de Europa dentro do xénero fantástico e de terror.

Para non dar máis voltas imos facer un repaso rápido ás distintas seccións oficiais e actividades paralelas desta edición:

Sección oficial: A sección oficial ábrese cunha fita que máis de un xa vería, pois en Galiza Solomon Kane estreouse o 1 de xaneiro de 2010. Michael J. Basset realiza para a pantalla grande unha adaptación das aventuras do heroe mata-demos do autor de Conan, Robert E. Howard.

Nesta mesma sección poderanse ver outros filmes xa estreados en Galiza, como REC 2, a segunda parte do exitoso e aterrador REC de Jaume Balagueró e Paco Plaza; ou Jennifer’s Body, un filme feito á medida da explosiva Megan Fox.

Pero hai moito máis. A segunda parte de The Descent, The Descent: Part 2; o novo de Park Chan-Wook, Thirst; o derradeiro filme de Paul Naschy, La herencia Valdemar; ou a adaptación da novela de José Saramago Embargo por António Ferreira.

A sección complétase com outros 8 filmes: Deliver Us From Evil, Hearthless, Hidden, La Horde, Salvage, T.M.A., The Human Centipede (First Sequence) e Valhalla Rising.

Para horarios visitade a sucinta páxina do festival http://www.fantasporto.com.

Semana dos realizadores: Nesta sección, apadriñada por Manoel de Oliveira, poderase ver unha mostra do mellor do cinema máis persoal do momento: First Squad, Fish Tank, Hierro, Sweet Karma… ata un total de 9.

Sección Orient Express: O cinema oriental non podía deixar de ter a súa representación no festival e as seleccionadas recorren o continente. Dende as xaponesas Air Doll (Kuki ningyo) e Vampire Girl vs. Frankenstein Girl, pasando pola indonesia Merantau ou a india Loins of Punjab.

Xa fóra de competición o cinema portugués ten o seu espazo na sección Panorama do cinema portugués e na retrospectiva adicada ó realizador luso Luís Galvão.

Fantasporto é un non parar de cinema. Hai unha Homenaxe ao Cinema Francés cunha escolla de once fitas reprensentativas da historia do cinema deste país, máis estreas na sección Premiere e Panorama (The Crazies, The Book of Eli…), unha sección de Cinema e robótica e outra de Pinku eiga (soft-porn xaponés), incluso poderemos ver os filmes gañadores de anos pasados. E curtas a esgalla. De imaxe real ou animación, portuguesas ou internacionais, e un ciclo chamado Heidi Goes Wild – Retro cinema suizo. E inda hai máis.

Malo será que no atopedes algo do voso gusto.

E por se isto vos parece pouco ou non queredes andar todo o día sentados na butaca hai un programa paralelo de actividades bem interesantes. Dende presentacións de banda deseñada como As Incríveis Aventuras de Dog Mendonça e Pizzaboy de Filipe Melo e Juan Cavia ou libros como Zona Fantástica com textos de varios autores sobre banda deseñada, ata a festa de feche do festival, a coñecida como Baile dos Vampiros, que terá lugar no Teatro Sá da Bandeira cunha chea de DJ’s.

A crise e a falta de apoio por parte da Cámara do Porto (este ano non hai carpa en fronte do Rívoli para xuntarse e tomarlle algo) non fixeron baixar a intensidade e diversidade do programa. O Fantas é moito Fantas (inda que as malas linguas o chame o “Fantasmorto”)

Dous comentarios breves para rematar.

Os problemas entre a Cámara e o festival fixeron que o ruxe-ruxe sobre un posíbel cambio de sede, máis concretamente Lisboa, se intensificaran nos últimos días. O director do festival, Mário Dorminsky, declarou en conferencia de prensa que están moi cómodos en Porto e que xa renovaron o contrato para o próximo ano.

O filme Splice de Vicenzo Natali caeu do programa por no aceptar a dirección do festival as esixencias da distribuidora (rexistrar ós espectadores para que non leven móbiles e similares, entre outras). Dorminski dixo, en ton de broma, “o filme está na net para quem quiser sacar”.

Eu estarei aquí para contarvos todo sobre os filmes que vexo e todo o que pasa.

Agora tócavos a vós dicir que vós parece a edición deste ano do Fantasporto e preguntar sobre calquera cousa que non quedara clara ou algo do que queirades ter especial información.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado en GZNación e en Nova Fantasía en 2010

Categories : Cinema  Cinema  GZnación