Archer

2012-07-12

Grazas aos últimos documentos liberados por Wikileaks sabemos que existen empresas privadas de espionaxe e que hai espías que fan chistes sobre Aznar. Pouca novidade. Xa sabíamos de espías zoupóns e dados á comedia por filmes como Top Secret! (Top Secret, Jim Abrahams, David Zucker e Jerry Zucker, 1984) ou a triloxía The Naked Gun (Espía como puedas). E, inda que o que traio aquí tampouco sexa ningunha novidade, espero que para algún de vós sexa unha pequena descuberta.

Archer (Adam Reed, 2009 – presente) é unha serie de animación para adultos (o que non quere dicir que sexa porno, senon que ten grandes cantidades de violencia, palabras malsoantes e sexo) da canle de pago estadounidense FX e que conta as aventuras e tribulacións de Stearling Archer, o mellor espía da axencia ISIS.

Podemos ler na Wikipedia que a idea da serie sobrevínolle a Adam Reed un día nunha cafetaría de Salamanca (España) cando tiña diante unha rapaza á que lle quería entrar pero non atopaba as palabras correctas. E aí naceu a idea dun espía que tivera preparadas as palabras perfectas en todo momento. O resto da serie fóina desenvolvendo mentres facía a Vía da Prata. E esa é unha das características fundamentais da serie, todas as personaxes teñen sempre algo que dicir inda que case nunca é o máis apropiado, sendo Archer o que leva a palma. Os diálogos rápidos, cheos de provocacións, insultos e descalificacións, a resposta rápida, son marca da casa.

Os capítulos duran 20 minutos cada un e a acción transcorre entre as oficinas de Isis e as misións de espionaxe polo mundo adiante, polo que, a groso modo, poderíamos dicir que as personaxes son unha mistura de The Office (2001 – 2003), Mad Men (Matthew Weiner, 2007 – presente) e a saga de filmes de James Bond. Para que vos fagades unha idea aquí vos deixo unha listaxe das personaxes principais (entre parénteses o nome do actor ou actriz de dobraxe):

– Stearling Archer (H. Jon Benjamin): Moceiro, egoista, infantil, mal educado, deslinguado, impulsivo e inda así o mellor axente de Isis. É o fillo da xefa, Malory Archer.

– Malory Archer (Jessica Walter): Temperamental e alcohólica dirixe como pode esta axencia que sempre está metida en problemas, a maioría das veces por culpa do seu fillo. Mantén extrañas relacións co xefe do KGB e co de Odin, axencia de espías rival.

– Lana Kane (Aisha Tyler): Esta explosiva muller é tamén unha das mellores espías e ademáis ex-moza de Archer.

– Cyril Figgis (Chris Parnell): Auditor da axencia e actual mozo de Lana. Inda que a primeira vista poda parecer apocado ten a súa propia axenda.

– Ms. Tunt (Judy Greer): Non vos preocupedes en aprender o seu nome pois ninguén o fai e de feito este cambia entre capítulos. É a secretaria de Malory Archer e ten varios desequilibrios mentais ademáis dun gusto especial pola asfixiofilia.

– Pam Poovey (Amber Nash): É a directora de recursos humanos e lercha maior. Todos fan bromas sobre os seus desordes alimenticios e o seu peso e sempre anda desesperada buscando alguén con quen acostarse.

– Dr. Krieger (Lucky Yates): Non podía faltar o típico inventor que prové aos axentes deses trebellos tan útiles nos momentos decisivos. Obsesionado con desenvolver os máis bizarros aparellos sexuais é bastante fuxideiro en xeral.

Un par de conversas de exemplo:

S01E01 The Mole Hunt (Archer fala co seu mordomo)

Archer: Stop. Shut up. I have to go, and If I find one single dog hair when I get back, I’ll… rub sand in your dead little eyes.

Woodhouse: Very good, Sir.

Archer: I also need you to go buy sand.

Woodhouse: Yes, Sir.

Archer: I don’t know if they grade it, but… coarse.

S01E02 Training Day

Cyril: Besides, I’m sure it’s not the first time you’ve kept a secret from Lana.

Archer: Uh, hello. Herpes.

Cyril: You gave Lana herpes?!

Na actualidade estase a emitir a terceira tempada e xa se está a preparar unha cuarta. Se a queredes ver en DVD ides ter que mercala fóra ou buscar por aí algún amigo en internet cun ‘rippeo’.

Artigo publicado em Dioivo o 26 de março de 2012.

Categories : Series  Dioivo  Series