Tulpan, Fantastic Mr. Fox, Fish Tank e Iron Man 2

2012-03-05


Semella que o inverno xa marchou e a primavera comeza timidamente. Así que para o mes de abril (xa sabes o que din del: “As chuvias de abril, tomban o boi no carril”) nada mellor que buscar acubillo no cine. E por iso este mes, en vez dunha soa recomendación, traio catro títulos ben variados e para todos os gustos.

Tulpan (2008) Estrea: 9 de abril de 2010 Director: Sergey Dvortsevoy Intérpretes: Tolepbergen Baisakalov, Ondas Besikbasov, Samal Esljamova País: Alemaña, Casaquistán, Polonia, Rusia e Suiza Xénero: Comedia Duración: 100 minutos.

Outra desas estrañas xoias que nos trouxo a pasada edición do Cineuropa. Unha comedia casaca que conta as aventuras e desventuras cotiás de Asa, un mozo recén chegado de cumplir o servizo militar que se enfronta ó día a día da vida na estepa mentres intenta buscar moza desesperadamente e atopar o seu futuro.

Humor e situacións comúns a todas as partes do globo no marco da estepa e os costumes casacos.

Fantástico Sr. Fox (2009) Estrea: 23 de abril de 2010 Título orixinal: Fantastic Mr. Fox Director: Wes Anderson País: EUA e Reino Unido Xénero: Animación, aventura, comedia Duración: 87 minutos.

Nestes tempos nos que o 3D o invade todo é un gusto enorme ver filmes como Fantástico Sr. Fox feitos ca artesanal técnica do stop motion e cunha aparencia clásica.

O filme adapta á gran pantalla unha fábula de Roald Dahl (“Charlie e a fábrica de chocolate”, “Iago e o pexego xigante”, “Matilda”) na que o singular raposo Sr. Fox decide romper a monotonía da súa vida recuperando o vello e excitante costume de roubar galiñas. Isto fai que os granxeiros da zona decidan rematar co Sr. Fox e de paso con todos os animais do bosque, que agora viven agochados debaixo do solo. Unindo as súas habilidades animais ó máis puro estilo de filmes como Ocean’s Eleven loitarán para salvar as súas vidas.

Un filme ca acción dos grandes títulos do xénero e cun humor centrado na personalidade engaiolante do Sr. Fox que gustará a todo o público e principalmente a aqueles que queiran pasar un momento divertido sen máis complicacións.

Fish Tank (2009) Estrea: 30 de abril de 2010 Director: Andrea Arnold Intérpretes: Katie Jarvis, Rebecca Griffiths, Carrie-Ann Savill País: Reino Unido Xénero: Drama Duración: 123 minutos.

Premio do Xurado no Festival de Cannes ó mellor director, Premio BAFTA ó filme revelación, Premio British Independent Film ó mellor director e á actriz novel máis prometedora, Mellor director e mellor filme da Semana dos Realizadores do Fantasporto, e un longo etcétera de premios e candidaturas.

A vida de Mia, unha adolescente que quere ser bailarina, xa é difícil de por si (a súa idade, o sitio onde vive…) e agora complícase inda máis cando o namorado da súa mai vai vivir con elas.

Cunha realización e unha interpretación feminina, a cargo da debutante Katie Jarvis, máis que salientábeis, Fish Tank realiza un retrato auténtico e realista da vida adolescente nos suburbios das grandes urbes británicas.

Iron Man 2 (2010) Estrea: 30 de abril de 2010 Director: John Favreau Intérpretes: Scarlett Johansson, Robert Downey Jr., Mickey Rourke País: EUA Xénero: Acción, superheroes Duración: 117 minutos.

E para rematar a variada sección de suxestións deste mes unha das estreas máis esperadas polos afeccionados á banda deseñada e á acción, Iron Man 2.

Agora xa todo o mundo sabe que o megamillonario empresario da industria armamentística Tony Stark é o superheroe da armadura Iron Man e inda que moitos o intentarán por todos os medios non está disposto a revelar os segredos da súa invención por medo a que caia en malas mans. Ó mesmo tempo terá que enfrentarse a viláns como o mecanizado Whiplash e o seu exército de robots asasinos. Inda que desta volta Iron Man contará ca axuda de War Machine.

Despois da exitosa primeira parte (acerto total na elección do actor Robert Downey Jr., unha historia bastante fiel á orixinal e uns efectos especiais abraiantes) a segunda parte promete máis do mesmo e en racións máis grandes (máis superheroes, máis viláns, máis rapazas bonitas, máis explosións…) e non decepcionar ós que gustaron da primeira entrega.

Acción e humor ca industria amamentística, a megalomanía e a cara escura do heroe de tema de fondo.

Vémonos nas butacas!

Artigo publicado no suplemento cultural A soeira das estrelas do jornal En momemento, editado pelo Movemento polos dereitos civís, em avril de 2010