Remata o Outono Capitol Rock Festival movendo os cadrís con Si Cranstoun

2012-03-05

Si Cranstoun na Sala Capitol (by-nc-sa ifrit)

O Outono Capitol Rock Festival non é un festival ao uso e, en troques de xuntarse todos os grupos nun sitio nunha fin de semana, aquí repártense en varios días non consecutivos. O evento organizado polo pub A Reixa e Raiña Productions e que tivo lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela celebrouse en tres días e contou coa participación de JC Brooks & The Uptwon Sound, Maxine Brown + The Pepper Pots e Si Cranstoun, o concerto que fechou o festival e do que falarei aquí. Tamén estiveron como teloneiros The Allnight Workers e Dr. Gringo.

O pasado sábado foi un momento perfecto para ver reunidos entre o público do concerto unha boa colección de estilismos pin-up, tatuaxes e topetes, e alí estaban Dr. Gringo para facelos bailar a todos sen compaixón. O grupo está formado por só tres músicos (batería, contrabaixo e guitarrista-vocalista), pero sóbranse e bástanse para dar caña a esgalla cun repertorio clásico e cancións propias que repasan os estilos afíns ao rock’n’roll (rockabilly, psycho…). Xogando en casa e como bos teloneiros a súa actuación a penas nos deu respiro e o cumio foi cando na derradeira canción o cantante, guitarra en man, subiu enriba do contrabaixo sen que o contrabaixista deixara de tocar. Hai que velo para crelo. Martín Esturao, Xacobo Prieto e Javi Tornado volveron demostrar que están nunha excelente forma musical.

E mentres recuperabamos folgos chegou o prato forte da noite: Si Cranstoun presentaba a súa carreira en solitario lonxe de The Dualers e os sons que interpretaba co seu irmán, Tyber Cranstoun. O sorrinte cantante viña acompañado dunha nutrida banda composta por baixo, guitarra (ademais da que o propio Cranstoun tocou), batería, saxo e trompeta coa que presentou unha mestura de versións, especialmente de Nappy Brown, e cancións propias dos seus dous discos do ano pasado, que nos insistiu que compráramos durante todo o concerto.

Si Cranstoun non deixou de sorrir e bailar de forma cómica durante todo o espectáculo, mais na parte musical a cousa non acaba de convencer alén dos que xa viñan convencidos da casa, que se amosaron entregados con todas e cada unha das pezas do repertorio. O rock’n’roll con toques de soul despregado sobre o escenario amosábase sen moito espírito e alonxado do virtuosismo agardado. A disparidade entre os músicos tamén era notable. E así o batería e especialmente o baixista realizaron interpretacións de calidade, moi por riba do guitarrista, por exemplo. Non é que o concerto fora unha desfeita, nin que os músicos viñeran de paseo, pero hai que suar para que unha banda revival soe como algo máis que unha orquestra homenaxe.

O final do concerto foi a mellor parte e iso faime confiar en que Si Cranstoun e compañía poden dar máis do que amosaron o sábado na Capitol. Para rematar, tan só queda parabenizar á organización pola iniciativa e a selección de grupos.

Artigo publicado em Disquecool o 2 de Novembro de 2011.

Categories : Música  Disquecool  Música
Tags :

¡Caramba!, un fanzine cheo de profesionais

2012-03-05

Sobrecubierta (© ¡Caramba!)

Algún podería pensar que os fanzines son algo fóra da moda, que son unha cousa cutre feita con fotocopias e colados e por e para catro matados. Pero a verdade é que, inda que os fanzines de toda a vida seguen aí, cos seus exclusivos e selectos lectores, hoxe en día, grazas a internet, podemos atopar unha grande oferta e de gran calidade de calquera recuncho do mundo e ben cool.

E así chegamos a ¡Caramba!, como ben definen eles mesmos, “un fanzine de humor que fala diso mesmo, do humor. Un total de 30 autores reunidos en 100 páxinas para falar dos mecanismos que nos fan rir, descubrir cantos significados se lle poden dar a un mesmo chiste e pórlle cara a Jaimito, ao can Mistetas, aos de Lepe e ao inglés, o francés e o español, entre outras personaxes populares”.

¡Caramba! nace dunha visita do seu coordinador, o debuxante Manuel Bartual, ao Festival International de la Bande Dessinee de Angulema (Francia) no que, despois dunha visita reveladora á carpa onde se amosan obras de editores independentes e fanzines, decidiu facer a súa propia publicación.

E xa que ía facer o seu propio fanzine quíxoo facer arrodeado dos seus amigos e facelo ó seu aire, lonxe das maneiras das editoriais. Entre os autores podemos atopar a Alberto Guitián (Lugo, 1974) xunto a unha chea de colaboradores habituais da revista El Jueves e de de recunchos varios da internet como Albert Monteys, López Rubiño, Joan Cornellà, Mauro Entrialgo, Juanele , Rubén Fdez., Jorge Parras, Raúl Minchinela y Puño, Bernardo Vergara, Santiago García y Javier Olivares, Jorge de Cascante, Laura Pacheco, Sergio Córdoba y Juaco Vizuete, Manuel Castaño, Guille Martínez-Vela , José Luis Ágreda, Carlos de Diego, Luis Bustos, Juarma , Clara Soriano, John Tones, Paco Alcázar, Andrés Palomino, Néstor F. , Manel Fontdevila e Pedro Vera. Non falta ninguén! Ademais Bartual estivo acompañado na coordinación de Alba Diethelm.

Ademais da espectacular listaxe de autores e da particular idea de falar do humor dende o humor, ¡Caramba! inclúe unha serie de detalles que o fan unha pequena peza de coleccionista:

A portada, contraportada e lapelas, obra de Albert Monteys, recollen unha chea de situacións do humor físico máis clásico. Pasaredes un bo momento recoñecéndoas todas.
O interior da sobrecuberta é obra de López Rubiño onde explica con detalle como funcionan os chistes e porqué unhas cousas funcionan e outras non.
Os primeiros exemplares incluían chapas e pegatinas, pero as chapas esgotáronse rapidamente.
Xunto co fanzine vén un peculiar álbum de cromos (e os seus respectivos cromos) chamado ‘Holocausto Australopithecus’, realizado por David Sánchez .
Non sei se é así en todos, pero o meu incluía unha mosca de plástico. Adiviñades para que?

A primeira edición foi de 333 exemplares, que rapidamente se esgotou e por iso tiveron que tirar unha segunda de 666 que, inda que tardou un pouco máis, actualmente tamén está esgotada. A única forma de facerse con unha é ter a sorte de atopala nalgunha das poucas librarías especializadas onde se venderon ou xa de segunda man. O prezo é de 12 €, pero non desesperedes, que haberá un segundo número.

O mellor para non perder detalle e non quedar sen o teu nº 2 é seguir o blogue ou o Twitter de ¡Caramba!

Artigo publicado em Disquecool o 2 de Agosto de 2011.

Emma Ríos: unha debuxante de Marvel

2012-03-05

Auction for tsunami victims (© Emma Ríos)

Mentres en DC organizan un reinicio integral da maioría dos seus personaxes (52 títulos serán reescritos), en Marvel Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) non deixa de traballar e de colaborar en series novas e tomos especiais.

Dende que en 2008 fixera o seu espectacular debut no mercado estadounidense debuxando ‘Hexed”, unha historia curta sobre unha rapaza que leva unha dobre vida na que loita contra demos guionizada por Michael Alan Nelson para a editorial independente BOOM! Studios, a pluma desta debuxante non deixou de voar, encargándose cada vez de títulos máis importantes e interesantes.

O seu primeiro achegamento a unha das personaxes máis célebres da “Casa das ideas” foi a mini-serie ‘Strange. The Doctor Is Out’, da man do guionista Mark Waid. Marvel recuperaba desta forma, inda que fora só para un pequeno tomo, ó Doutor Estraño, o poderoso mago da banda deseñada e un dos máis queridos polos afeccionados, e que Ríos soubo retratar á perfección co seu estilo xuvenil, desenfadado e de formas fluídas, a medio camiño entre o manga, os debuxos animados e a propia banda deseñada de superheroes.

En 2009 tivo a posibilidade de debuxar, xunto a Sara Pichelli, o número 10 da serie regular de Runaways, o grupo de mozos superheroes fillos de superviláns, e no que apareceron como invitados a Patrulla X. E en 2010 o número único ‘Shadowlands: Elektra’, coa letal asasina como protagonista dentro desta liña argumental arredor da personaxe de Daredevil.

Neste para nada exhaustivo repaso do traballo para os EUA de Emma Ríos chegamos á actualidade e ás páxinas de mostra entintadas mais sen cor que podemos ver no seu blogue: a mini-serie sobre o home que se agocha detrás do vilán Duende Verde ‘Osborn’. Evil Incarcereted’ guionizada por Kelly Sue Deconnick e Warren Ellis, que acaba de ser publicada nun tomo recompilatorio, e dous dos seus novos proxectos, como son unha mini-serie de Cloak and Dagger (Capa y Puñal ou Manto e Adaga) e a colaboración con dúas historias curtas para a serie regular de ‘Amazing Spider-Man’, agora mesmo guionizada por Dan Slott.

Semella que en Marvel están cada día que pasa máis contentos con ela e irémola vendo cada vez en proxectos maiores, cos personaxes máis famosos da editorial e xunto a guionistas de renome.

A obra americana de Emma Ríos vaise publicado (non toda) pouco a pouco na editorial española que ten os dereitos de distribución de Marvel en España, Panini. E en galego, de momento, só podemos desfrutar de ‘Hexed’, publicado por El patito editorial.

E dende aquí aproveito para pedirlle a Emma Ríos que por favor redebuxe e remate ‘A prueba de balas’ (APB), esa obra inacabada proxectada en catro números, debuxada e guionizada pola propia autora e da que só puidemos disfrutar dos tres primeiros números publicados por Polaqia. Aproveito tamén para anunciar que en breve teremos por aquí un artigo recordando a historia do colectivo Polaqia que se despide nestes días.

Artigo publicado em Disquecool o 22 de Junho de 2011.